26/05/2026
Mariña Patrimonio estreou este ano formato de dous dias para viaxes culturais. Nesta ocasión, tivo como principal obxectivo coñecer o Conxunto Histórico de Armeá, no concello de Allariz, onde pernoctou o grupo.
De camiño á vila ourensá fixemos parada en Sober, para visitar a Rectoral de Gundivós, onde o oleiro Elías González desenvolve un interesante proxecto de artesanía e antropoloxía, que merece os nosos parabéns e recomendamos visitar. Elías, logo de mercar e restaurar con moi bo criterio o edificio ruinoso da Rectoral da parroquia, no que reside coa súa familia, traballa producindo a olaría tradicional de Gundivós, que nas súas demostracións deixa ver mentres explica, con moi boas dotes comunicativas, aspectos antropolóxicos do oficio de oleiro e da vida tradicional do lugar.
No mesmo concello achegámonos de seguido a Proendos, onde Alfonso Campos, activista cultural da asociación Colado do Vento, nos guiou para coñecer os traballos arquelóxicos realizados ata agora neste inmenso xacemento romano. En Proendos, consérvase unha construción moi singular: unha horrea romana. Esta estrutura axúdanos a entender que estamos ante unha importantísima vilae agraria romana. As prospeccións xeofísicas realizadas ata o momento indican que baixo o terreo existe un amplo complexo arqueolóxico, que irá saíndo á luz a medida que avancen as escavacións.
A continuación, visitamos tamén a igrexa parroquial, co seu fermoso presbiterio románico con elementos romanos reaproveitados. Agradecemos a Alfonso Campos que quixera compartir connosco o inxente e diverso coñecemento que tan ben comunica.
Logo de chegar a Allariz, dedicamos o resto da tarde a visitar o seu Festival Internacional de Xardíns, un espazo que contribúe a reforzar o atractivo desta vila, modélica polo seu xeito de integrar o aproveitamento turístico e cultural.
Tamén puidemos perdernos polos seus recunchos, achegarnos aos seus comercios e g***r da súa coidada oferta hostaleira.
O domingo adicamos toda a mañá ao principal motivo da viaxe: o conxunto histórico de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas. Nesta visita tivemos o privilexio de ser guiados por unha das persoas que máis e mellor coñece este lugar, José Ramón Seara. Un lugar que concentra un espazo arqueolóxico relevante, a cibdá romanizada de Armeá, un dos grandes castros de Galicia, que igual que outros moitos, foi cristianizado cun relato mitolóxico que prendeu profundamente na memoria popular e deu pé á construción sobre a sauna castrexa, coñecida como Forno da Santa, dunha cripta medieval no espazo subterráneo dun templo inacabado, a basílica da Ascensión. Nesta basílica o relato mítico sitúa o martirio e milagre da salvación de Santa Mariña. A posterior decapitación da Santa no relato a poucos centos de metros deu lugar ás fontes, aldea e igrexa de Augas Santas, un espazo de arquitectura popular e eclesiástica de primeira orde, ao converterse o inicial cenobio altomedieval en espléndido templo románico e pazo episcopal de verán dos bispos de Ourense. Un marabilloso exemplo de como un relato mítico-relixioso sacraliza os restos dun gran asentamento castrexo-romano, e serve para construír un dos grandes templos románicos galegos. Sen dúbida, un dos lugares máis máxicos de Galicia.
Queremos agradecer a José Ramón Seara, profesor da Uvigo, e presidente da Asociación de Santa Mariña de Augas Santas, que quixera actuar como anfitrión nesta visita e que nos transmitira unha explicación completa deste lugar con tanta paixón coma rigor.
A viaxe completouse de volta cunha visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, outro dos lugares máis singulares de Galicia, por albergar nun espazo natural fermosísimo, o mellor exemplo de igrexa rupestre do país, que está completado por un interesante centro de interpretación do mosteiro e dos oficios populares da comarca ribeirá.
A experiencia desta viaxe foi moi positiva, o que nos anima a consolidar este formato que permite aproveitar máis e mellor os nosos desprazamentos.